mércores, 25 de abril de 2018

Costa de Cervo



Trazado: Wikiloc

Concellos: Cervo, Burela, Foz

Lugares: San Ciprián, Fontao, A marosa, Burela, Cangas

Transporte: FEVE

Percorrido: Imos no tren á estación de San Ciprian, e camiñando cara ao leste, saímos á praia do Torno, imos por ela ata o itsmo e xa estamos no Camiño natural da Costa, non hai mais que seguir os indicadores, e unhas veces entre casas rurais, outras por bolos graníticos, ou pola area na praia da Marosa imos indo ata Burela (13 km) ou ata Cangas (19 km) para coller o tren de regreso.

martes, 24 de abril de 2018

Vilapedre - Puerto Vega - Navia

Trazado: wikiloc

Concello: Navia

Transporte: FEVE

Distancia: 16 km

Percorrido: Do apeadoiro de Vilapedre, sempre ao norte ata Puerto Vega e despóis ao oeste ata Navia pola senda costeira, non sobra moito tempo para o café se queremos coller o tren de regreso.
Saída de Ribadeo ás 11:30, chegada a Vilapedre ás 12:37 e o tren regreso cóllese ás 17:39

De Viveiro a Xove polo Penedo do galo

Trazado: Wikiloc

Concellos: Viveiro, Xove

Transporte: FEVE

Distancia: 16 km  

Desnivel: 600 m

Percorrido: Saímos do apeadoiro de Viveiro por o lavadoiro, collemos á esquerda e aos poucos metros xa atopamos as indicacións da subida a San Roque, onde vemos uns cercados, moi amplos, con muflóns, gamos, burros, ... e unhas panorámicas que xustifican a subida.

Continuamos subindo ao Penedo do Galo e ampliamos a perspectiva e paramos a comer.
Quedan 8 km en baixada por pistas ata Xove. Hai que ter en conta o tempo e non despistarse para non perder o tren de regreso.

domingo, 22 de abril de 2018

Ruta en coche: Os primeiros poboadores. Parque Historico do Navia


Son 180 km de distancia, con un tempo estimado de tres horas e media en coche.

O plan é sair de Ribadeo, parar na Veiga a comprar unha empanada, e seguir cara a Barbeitos para tomar o café.

Ir aos túneles de Penafurada, aos túmulos e petroglios e parar en Castro a ver o museo. E continuar ao mirador da Paicega ou ao de San Esteban para comer a empanada.
Castro de Castelón, castro de San Isidro volta cara Illano e o Folgueiorou. Outro café?

Boal, Penouta con paseo ao penedo Abalón e ao mirador da costa e  baixar cara á Caridad parando nas Covas de Andía.

Non tiven en conta no percorrido:
 A cova do demo: demasiada subida polo monte.
O Dolmen entre Navedo e Barandón e a area recreativa das Virtudes: Están do outro lado do río o que implica moita volta e para ir ao dolmen hai que andar bastante.
Castro de Pendia: ou de Coaña, ¿hai alguén que non fora?


xoves, 12 de abril de 2018

Fraga de Teixido

   
                                                                                       
Concello: Trabada

Distancia:12 km
Como chegar: Arranca este paseo circular do lugar sinalado como punto de partida para a ruta da Fraga da Becerreira, nun desvío á esquerda da estrada provincial nº 55; aproximadamente a 2,7 km de Trabada en dirección a Riotorto.
Ao deixar os coches vólvese a estrada xeral para atravesala e ir subindo por un camiño de pendente suave, seguindo as indicacións, non sempre fáciles de atopar. Despois de pasar a Fraga de Santo Estevo e a de Teixido déixase a pista para subir á esquerda, entre pinos, quedando o val de Lourenzá á dereita, este camiño continúa ata a estrada xeral que de novo se atravesa. Hai agora a opción de dirixirse cara a un tendido eléctrico para subir ao Picato, unha das maiores alturas da Serra da Cadeira. 
Ao oeste, o Val de Lourenzá saíndo ao Cantábrico polo Río Masma. Pechando o Val vese a Serra Toxiza, a Frouxeira e Cornería e por detrás a Serra do Cadramón. Ao norte aparece a Mariña Lucense e unha gran parte da costa  occidental Asturiana. 
Ao leste vense os pobos que foron medrando ao longo do Río Éo e atrás deles a Serra da Bobia en primeiro termo. Ao sur e en todo o entorno o que se ve é o propio concello de Trabada que nesta parte está poboada de fragas, temos á vista a de Vilapena, a da Becerreira e a de Teixido.
Báixase por un carreiro cara ao leste ata pasar regresar ao tendido de alta onde se sigue en dirección oeste pasando por un refuxio ata unha encrucillada , e báixase en dirección á Fraga da Becerreira, entrando nela para buscar e seguir as marcas que neste tramo son para ambas rutas, así se baixa ao río desde onde xa se ve o punto de partida.
                                                                                              Teresa Díaz Estévez

Fraga de Vilapena

Concello: Trabada
Parroquia: Vilapena.
Distancia: 10 km
Sinopse: Paseo perfectamente sinalado, que ademais dos paneis informativos destaca lugares da fraga onde houbo labores como as dos carboeiros. O tempo estimado do paseo e de catro horas. Hai unha variante de 6km con 200m de desnivel, a realizar en dúas horas e cuarto.
Percorrido:  Para chegar ao punto de partida  hai que ir a Vilapena no concello de Trabada. Á entrada deste lugar, indo desde Trabada, está o panel que describe a senda. Visita a aldea antes de internarse no bosque camiñando en dirección leste e sen desniveis ata iniciar a subida ao Alto de Pena Gorda onde se ven os vales de Vilaformán e Vilapena. Regrésase cara ao oeste por unha pista forestal  ata un novo panel e unha árbore de indicadores, desde onde se baixa, por un carreiro, xunto ao Rego de Vilaformán ata atravesalo e rematar o paseo no punto de partida.
O paseo é moito mais bonito se en vez de ir á Pena Gorda e rodear a fraga, se corta en diagonal, camiñando polo medio da fraga en vez de por pistas de terra batida. Tamén está moi ben indicado.
                                                                                  Teresa Díaz Estévez 

As Anzas - Santomé - As Anzas



Concello: Ribadeo

Parroquias: Covelas e Vilausende

Lugares: As Anzas, Río Grande, Santomé
Distancia: 10 km
Transporte: Coche particular
Percorrido: Saíndo da escola das Anzas en dirección ao Carboeiro, séguese unha senda marcada que vai cara a Reme de Arriba, ata chegar ao desvío á dereita que permite baixar ao río e atravesalo por unha ponte de cemento. O camiño continúa subindo entre eucaliptos ate a estrada que vai a Santomé, lugar que merece a pena visitar. Despois de ver a súa riqueza paisaxística e patrimonial rodéanse as casas para entrar no monte polo campo dos bolos e comezar un descenso en zig-zag con As Anzas ao fondo.
Pásase o Río Grande e ao chegar ás casas vaise á dereita para volver a aproximarse ao río pola segunda pista estreita e asfaltada tamén cara a dereita. Xa co río á vista xunto a unha casa restaurada sae un camiño á esquerda que vai ao lugar da pena tallada para permitir o paso dunha canal de auga para un dos muíños, do que quedan as ruínas, xunto a fermosa ponte chamada de Pena Tallada.
Sen pasalo río un camiño vai dende a ponte á pista na que voltaremos a atopar as marcas da senda e por ela á esquerda regrésase ao punto de partida, a escola.
Teresa Díaz Estévez